“Lámbrica” é unha palabra composta por dous elementos: LAM- e -BRICA.
“Lam” , que moi posiblemente soaría como algo parecido a [tʃan], podería facer alusión a lugares chans, derivando posteriormente en topónimos como Chao ou Chaira, este último presente aínda hoxe na ladeira occidental da citania de San Cibrao das Las e Ourantes.
O sufixo céltico -briga (ou -brica), procedente da Idade do Ferro, é ben coñecido e significa fortaleza ou fortificación, normalmente situadas en lugares altos por razóns obvias. En consecuencia, Lámbrica tería o significado de Cidade Forte de Lam.
A palabra “Lámbrica” describe características orográficas e humanas da citania de San Cibrao das Las e Ourantes, na provincia de Ourense. A característica orográfica é a disposición nunha discreta altura, pero máis ou menos chaira. A característica humana é a fortificación, arrodeando de murallas un outeiro coa finalidade de defensa ou de control militar da contorna. O topónimo Lámbrica adquire, entón, pleno sentido: “A Cidade Forte da Chaira” ou “A Cidade Forte dos Chaos”.
Existe un documento epigráfico da época romana no que se reproduce este topónimo, a inscrición nunha ara adicada a Bandua que se conservou dende hai séculos no pazo de Eiras.